No seu pobo non había escola e na súa casa non había libros. Os pais de
Nuccio Ordine nin sequera chegaron ao instituto, pero el logrou converterse nun
referente mundial sobre literatura clásica. É un dos maiores expertos no
Renacemento e en teoría do xénero literario. “Amo a literatura porque tiven
mestres que me fixeron amala. Cambiar a vida dun estudante é a misión máis
importante dun educador”, asegura.
Profesor de Literatura Italiana na Universidade de Calabria, humanista,
filósofo e escritor, alcanzou fama internacional polos seus estudos sobre
Giordano Bruno. Ordine, reivindica a construción dunha sociedade mellor a
través de valores humanistas. Sostén que “disciplinas como a música, a
literatura, a arte, hoxe en día considéranse inútiles porque non producen
ganancias, e son o coñecemento que máis necesitamos, porque poden facer á
humanidade máis humana”. É o que el chama “a utilidade do inútil” e que dá
título a un dos seus libros traducido a máis de vinte idiomas e que obtivo a
consideración de Mellor Libro Humanista do ano 2017.
Nuccio Ordine reflexiona sobre as grandes transformacións da escola, da
investigación científica e da sociedade. Considera que o ensino e a educación “constitúen
unha forma de resistencia ás leis do mercado, á mercantilización das nosas
vidas e ao temible pensamento único”. Este sabio italiano invítanos a facer
unha viaxe aos problemas do presente a través da literatura clásica.
Para ver o vídeo, preme na imaxe: