Este
ano o Colexio Divino Salvador volveu a pór en marcha a súa Escola de Pais,
desexando mellorar a calidade da educación dos nosos fillos, tomando como punto
de partida a colaboración entre familia e escola.
A primeira charla deste curso, “Como achegarnos aos nosos fillos sen
perder autoridade”, foi impartida por D.
David Martínez, educador do equipo da Asociación Érguete. Este encontro
versou sobre a adolescencia, as normas e límites como ferramenta educativa e
como resolver conflitos dentro do ámbito familiar. Con esta, xa son varias as
ocasións en que puidemos contar con David Martínez, gran coñecedor da
problemática adolescente, que dunha forma amena traza os elementos educativos
que poden axudarnos a evitar eses mesmos problemas.
O día 8 de abril afondamos neste mesmo tema, pero achegándonos aos
rapaces de idades máis pequenas. Celebramos unha charla para pais e nais de
alumnos de Ed. Infantil baixo o título: “Normas e Límites”. Dna. Sara Lea, psicopedagoga do
colexio, e Dna. Lydia Toyos,
directora, presentaron este tema tan de actualidade e que tanto preocupa.
O 7 de maio tivemos a presenza de Dna. Marta Lloves, (Coordinadora do
Programa de Prevención Escolar da Asociación Érguete; Profesora de Educación
Primaria e Educación Especial; Psicomotricista; Especialista en Atención
Temprana e en Traballo con Familias; Terapeuta Educativa na Asociación Érguete;
Responsable de Programas Reeducativos en Prisión e Formadora de Formadores).
Este novo encontro de Familias levaba o título de “Gozar educando aos nosos
fillos” e cun ton distendido, pero rigoroso, plantexouse o tema da velocidade
da vida actual que non nos deixa apreciar o día a día cos nosos fillos.
Preocupados polo futuro vivimos obsesionados con darlle aos nosos fillos todo
aquilo que nós non puidemos ter e dese xeito lles impedimos desarrollar a súa
propia vida emocional. Marta Lloves falounos de que debemos acubillar como
tesouros momentos felices con eles, achegarnos dende o cariño a esa necesaria
comunicación, que finalmente fará que os nosos fillos e fillas consigan o éxito
no que se propoñan.
Esteban Figueirido |
Estas charlas continúan o labor
emprendido en cursos anteriores nos que pretendemos crear un espazo onde as
familias e o centro puideran falar sobre os temas educativos que máis lles
interesan, onde os pais e nais podan participar, colaborar e aprender.
No curso anterior (2013-14) contamos
coa presenza de D. Esteban Figueirido,
psicólogo especializado en terapia familiar, que nos falou de como fomentar o
éxito nos estudos. Este gran orador acompañounos en diversas ocasións nos
últimos cursos e sempre colleitando un gran éxito coas súas disertacións. Por
exemplo, tentando atopar ferramentas
educativas que nos permitan axudar aos nosos fillos a desenvolver todas as súas
potencialidades Esteban Figueirido, autor do libro “Me quiero o no me quiero”,
impartiu hai algúns anos unha charla co título: “Como fomentar a autoestima nos
nosos fillos”. A percepción que temos de nós mesmos, tanto fisicamente como das
nosas capacidades, aparece dende o noso nacemento e marcará todos os aspectos
da nosa vida. No eido educativo a autoestima tamén limita ou potencia os nosos
resultados e, por isto, tamén é fundamental, fomentar unha boa autoestima nos
rapaces.
Na
charla: “Crecendo a través do xogo”, plantexou a importancia do xogo para que
os nenos e nenas vaian adquirindo madurez. De novo a súa exposición conxugou
unha parte maxistral con pinceladas prácticas e lúdicas.
Nese mesmo curso escolar contamos
tamén cunha charla de gran interese sobre os perigos de internet para os
menores de idade. Para iso achegouse ao noso colexio D. Luis Alberto Luaces, Inspector de Policía, Delegado de
Participación Ciudadana, sobre os perigos de internet.
Paula Muñoz |
Moitos
son xa, dende logo, os especialistas aos que temos escoitado ao longo destes
anos e que compartiron as súas experiencias connosco. No mes de novembro do ano
2011 Dna. Paula Muñoz, educadora especializada en
intelixencia emocional tratou sobre “O camiño de ser pais (A intelixencia
emocional como factor clave na educación)”. Moitos das dificultades que os
alumnos/as poden atopar na aula teñen ás veces unha orixe na súa vida emocional
e non nas súas capacidades. O rendemento escolar non deixa de ser unha parte
dun todo máis grande que é a súa vida. A parte afectiva pode empuxar cara a
consecución dos obxectivos ou ser un lastre, moitas veces insalvables.
No mes de febreiro dese mesmo curso escolar , e coa colaboración da
Concellería de Benestar Social de Vigo, impartiuse no noso centro o Programa de
Prevención no ámbito familiar “Máis que un teito”, destinado aos pais de
alumnos/as da ESO. Este obradoiro dividiuse en tres sesións e nos que a
especialista María Novelle tratou
sobre os diferentes estilos educativos, a importancia das normas e límites na educación
dos fillos, e como resolver conflitos cos
rapaces.
Unha das voces máis interesantes coas que contamos foi a
de Dna. Silvia Caride López, que ademais de
mestra de Educación Infantil e Primaria é psicopedagoga e Máster en Diagnóstico
e Intervención Neuropsicopedagóxica. A charla que Silvia nos propuxo levaba por
título: “Personalidade e emocións do teu fillo (De como as emocións repercuten
no éxito escolar)”. Hoxe en día,
unha das necesidades prioritarias da educación é o desenvolvemento de técnicas
de apoio para os trastornos de lectoescritura que presentan os alumnos, posto
que supoñen a aprendizaxe básica que condiciona o rendemento óptimo na case
totalidade de materias.
Dende a metodoloxía que utiliza Silvia Caride de diagnóstico e
intervención proponse un diagnóstico centrado na orixe do problema (emocións) e
non na conduta observable. Estas condutas están determinadas polo que sentimos
e non polo que pensamos. As sucesivas vivencias emocionais dos alumnos poden
ser factores causais de dificultades de aprendizaxe e, polo tanto, toda
estratexia de axuda a aprendizaxe ten que centrarse nestas emocións.
Naturalmente, en todo o tempo en que a nosa Escola de Pais leva en
funcionamento foron máis os especialistas que poderíamos citar aquí. Simplemente,
incidir que o propósito sempre foi e seguirá sendo mellorar día a día no que
realmente nos importa que é a educación dos nenos e nenas. O camiño da
educación dos fillos non debería ser solitario, a pesar de levarse a cabo, en
gran medida, no eido do fogar. Falar con outros pais e nais, intercambiar
experiencias… pode ser unha boa forma de formular a educación da que, como
noutras cousas, ninguén nace aprendido. E dende esta perspectiva o Colexio
Divino Salvador tentará seguir ofrecendo encontros de calidade con
especialistas e representantes do mundo educativo que nos axuden e animen neste
proceso de aprendizaxe no que familia e escola deben ir da man.