Falando con algún
pais e nais do cole decátome de que unha das cousas que máis lles preocupa é o
acceso que teñen agora os nenos e nenas a internet. Isto proporciónalle moitas
ferramentas para a súa educación e para o seu entretemento, pero tamén pode ser
a porta de moitos problemas.
A
responsabilidade é nosa, dos pais e titores, porque eles non son conscientes
dos perigos que leva un acceso sen control ás páxinas web ou a certas
ferramentas informáticas (Skype, por exemplo).
Para protexer aos
noso fillos, tal e como faríamos na vida real, cómpre ter un pouco de sentido
común. Moitas das cousas que non lles deixaríamos facer na rúa, permitímosllo a
través dunha pantalla de ordenador.
Para comezar,
aquí temos uns consellos:
- Fala cos teus fillos dos perigos de internet. É necesario sentar con eles e falar sobre noticias que se publican con frecuencia nos medios de comunicación sobre estes temas, sobre algunhas das leis que rexen a protección de datos, e dos perigos que poden xurdir do uso indebido de internet. Non se trata de asustalo. Trátase de informar, de que coñezan.
- Márcalle normas claras sobre o uso de internet: o tempo de uso, as páxinas nas que pode buscar información ou entretemento… O uso de internet, ou dos móbiles e tablets non pode marcar os seus horarios. É doado caer no abuso.
- É preferible que o ordenador non estea no seu cuarto. Resulta fácil decatarse de que alí o seu control por parte nosa é moito máis difícil.
- As redes sociais teñen unha idade para comezar a usarse, idade marcada pola lei. Explícalle que aínda que algún dos seus amigos e amigas usen este tipo de redes, non é bo que el ou ela o faga. O uso das redes sociais implica unha grande responsabilidade. “Subir fotos” a internet non é algo que podamos facer sen pensar. As consecuencias poden ser graves.
- Dalle a túa confianza pero sobre todo moita comunicación. Falar con el ou con ela será a clave para que comece a facer un uso axeitado de internet. Cóntalle de que todo o que fagamos pola rede queda rexistrado. E un delito é delito na vida real e tamén no mundo virtual. E o anonimato en internet non existe.
- Infórmate sobre cyberbulling, sexting, grooming… cómpre que coñezas ben cales son os problemas que pode acarrear un uso indebido da rede para logo transmitirllo ao teu fillo ou filla.
- Por último, ensínalle todo o rendemento que lle pode sacar a internet, todas as cousas boas que ten. Axúdalle a manexar as ferramentas informáticas que lle farán a vida máis cómoda.